Lei de startups

A Lei 28/2022, do 21 de decembro, de fomento do ecosistema das empresas emerxentes —coñecida popularmente como Lei de Startups— establece un marco normativo específico para impulsar a creación e o crecemento de startups innovadoras. Esta lei introduce medidas que facilitan a súa integración no actual entorno fiscal, mercantil e laboral.

Para acollerse aos beneficios desta lei, unha empresa debe cumprir os seguintes criterios:

  • Ser de nova creación ou ter menos de 5 a 7 anos desde a súa inscrición no Rexistro Mercantil.
  • Non ter xurdido dunha fusión, escisión ou transformación de empresas non emerxentes.
  • Non ter distribuído dividendos.
  • Non cotizar en mercados regulados.
  • Ter domicilio social ou establecemento permanente en España.
  • Contar con polo menos o 60% do cadro de persoal con contrato laboral en España.
  • Desenvolver un proxecto innovador cun modelo de negocio escalable.
  • Non superar os 10 millóns de euros de facturación anual.
  • Estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
  • Non ter sido condenada por delitos económicos ou societarios.

A Empresa Nacional de Innovación (ENISA) é a entidade encargada de certificar as empresas que solicitan ser recoñecidas como startups. Esta certificación, regulada pola Lei 28/2022 e a Orde PCM/825/2023, permite acceder aos beneficios previstos para empresas emerxentes. Para iso, ENISA valora se a empresa cumpre cos seguintes criterios:

1. Grao de innovación

Valórase se a empresa desenvolve produtos, servizos ou procesos novos ou significativamente mellorados. Para iso, téñense en conta:

  • A realización de actividades de I+D+i.
  • A existencia de rexistros de propiedade industrial ou intelectual.
  • A obtención de financiamento público ou privado para innovación.
2. Atractivo do mercado

Valórase se a empresa opera nun mercado con potencial de crecemento e se xerou interese ou tracción. Considéranse aspectos como:

  • A oferta e demanda no sector.
  • As estratexias de captación e fidelización de clientes ou persoas usuarias.
  • A evolución da base de persoas usuarias ou vendas.
3. Fase de desenvolvemento

Valórase se a empresa alcanzou un grao de madurez suficiente no seu produto ou servizo. Téñense en conta:

  • A existencia de prototipos funcionais.
  • O lanzamento dun produto mínimo viable (MVP).
  • A validación inicial no mercado.

4. Modelo de negocio

Valórase se o modelo de negocio é escalable, é dicir, se ten capacidade de medrar de forma sostible. Analízase:

  • O crecemento potencial en número de persoas usuarias, operacións ou ingresos.
  • A posibilidade de replicar o modelo noutros mercados ou sectores.
5. Competencia e diferenciación

Valórase se a empresa se diferencia claramente doutras no seu sector. Considéranse:

  • As características únicas da súa proposta de valor.
  • As barreiras de entrada que desenvolveu.
  • O seu posicionamento fronte á competencia.
6. Equipo emprendedor

Valórase a experiencia, formación e complementariedade do equipo fundador e directivo. Analízase:

  • A traxectoria profesional dos seus integrantes.
  • A súa experiencia previa en emprendemento ou sectores relacionados.
  • A capacidade do equipo para executar o proxecto.
7. Relacións con terceiros

Valórase a dependencia ou vinculación da empresa con provedores, clientes clave ou outros operadores económicos. Téñense en conta:

  • A diversificación de fontes de ingresos.
  • A estabilidade das relacións comerciais.
8. Clientes e persoas usuarias

Valórase o volume e o perfil da base de clientes ou persoas usuarias. Considéranse:

  • O número de clientes activos.
  • O nivel de fidelización.
  • O crecemento sostido da base de persoas usuarias.

Unha vez rexistrada a solicitude de certificación xunto á documentación requirida, ENISA dispón dun prazo máximo de 3 meses para emitir a resolución.

Consulta o proceso de certificación en ENISA
 

Incentivos fiscais

Imposto sobre Sociedades

  • As startups poden tributar ao 15% durante os catro primeiros anos, sempre que manteñan a súa condición de empresa emerxente.
  • Poden aprazar o pagamento do imposto correspondente aos dous primeiros exercicios sen necesidade de garantías nin xuros de demora.
  • Están exentas de presentar pagamentos fraccionados durante os dous primeiros exercicios con base impoñible positiva.

Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF)

  • Stock options: a exención fiscal pola entrega de accións a persoas empregadas increméntase de 12.000 a 50.000 euros anuais. Ademais, permítese aprazar o pagamento dos impostos sobre as ganancias que superen ese límite ata que se vendan as accións, a empresa saia a bolsa ou transcorran dez anos. Tamén se establece un criterio específico para calcular o valor das accións ou participacións entregadas, o que facilita a súa valoración fiscal.
  • Dedución por investimento en empresas de nova ou recente creación: increméntase a dedución do 30% ao 50%, cunha base máxima de 100.000 euros. O prazo para investir amplíase de 3 a 5 anos, e ata 7 anos para startups de sectores estratéxicos. As persoas fundadoras tamén poden beneficiarse.
  • Carried Interest: os rendementos obtidos pola xestión de fondos considéranse rendementos do traballo e intégranse nun 50% da base impoñible, sempre que se cumpran certos requisitos.
Bonificacións para persoas autónomas
  • Bonificación do 100% da base mínima de cotización durante tres anos para persoas traballadoras autónomas que lideren unha startup e traballen tamén por conta allea.
Réxime fiscal para impatriados
  • Redución de 10 a 5 anos do período previo sen residencia fiscal en España para acceder ao réxime fiscal especial.
Outros beneficios
  • Sandboxes regulatorios: posibilidade de operar en contornos de proba con licenzas temporais.
  • Visado para nómades dixitais: regulación específica para persoas estranxeiras que traballen en remoto desde España.
  • Redución de garantías: posibilidade de solicitar unha diminución proporcional das garantías esixidas para acceder a subvencións ou anticipos.

Quen pode ser nómade dixital?

Nacionais de terceiros países que residen en España mentres traballan en remoto para empresas estranxeiras, clasificados como:

  • Traballadores por conta allea: só poden traballar para empresas fóra de España.
  • Profesionais / Traballadores por conta propia: poden traballar ata un 20% para empresas españolas.
Requisitos

Ademais de cumprir os requisitos xerais para residir ou permanecer en España, as persoas que soliciten un visado ou autorización de teletraballo deben acreditar o seguinte:

  • Actividade da empresa: a empresa estranxeira para a que traballan debe ter unha actividade real e continuada durante polo menos un ano.
  • Traballo en remoto: o posto debe ser totalmente compatible co teletraballo mediante o uso de medios dixitais.
  • No caso dunha relación laboral: débese acreditar unha relación laboral coa empresa estranxeira durante polo menos os tres meses previos, e esta relación debe permitir expresamente o traballo a distancia.
  • No caso de actividade profesional ou freelance: débese demostrar unha relación comercial cunha ou varias empresas estranxeiras durante polo menos tres meses, e as condicións para o traballo en remoto deben estar claramente definidas.
Vixencia
  • Visado: ata 1 ano.
  • Autorización de residencia: ata 3 anos, renovable cada 2 anos.