Falamos con
  • Startup
  • Axente investidor
  • Corporación ou empresa
05 out 2026
30 minutos
Autor/a:
Johan Morales, Investor de VC & Impact Investing
Tema

Falamos con Johan Morales, investor de VC & Impact Investing

Nun contexto no que cada vez máis persoas emprendedoras, axentes investidores e institucións apostan por modelos que combinan rendibilidade e impacto, entender que criterios marcan a diferenza resulta clave. Falamos con… Johan Morales, axente investidor especializado en impacto, sobre como avalía as startups nas súas primeiras etapas, que erros observa con maior frecuencia, as tendencias que están a transformar o sector e os retos que debe afrontar o ecosistema para seguir crecendo.

Johan morales
Cando analizas unha startup de impacto nunha primeira reunión, cales son os 2 ou 3 sinais que che fan pensar que o impacto está realmente integrado no modelo de negocio e non engadido como argumento comercial?

Para entender a relación entre negocio e impacto, hai unha cuestión clave: que exista unha correlación positiva entre as vendas e a xeración de impacto. Moitas veces pensamos que hai diferentes formas de xerar impacto a través de distintos modelos de negocio, pero, conceptualmente, hai unha idea fundamental: por cada venda adicional que xera a compañía, tamén debe producirse un incremento no impacto social ou ambiental. 

Dentro do mundo do investimento de impacto, isto coñécese como lockstep model, que consiste precisamente nesa relación positiva entre a xeración de impacto e as vendas.

Despois hai outras cuestións importantes, aínda que para min non son tan determinantes como esta. Unha delas é a intencionalidade do equipo desde o minuto cero. É dicir, ata que punto a xeración de impacto forma realmente parte do propósito da compañía ou se se trata simplemente dunha externalidade positiva derivada da súa actividade.

Aquí entramos tamén na diferenza entre sustentabilidade ou ESG e impacto. Moitas veces, a sustentabilidade responde máis a cuestións de compliance ou de xestión responsable, mentres que o impacto implica algo medible, intencional e escalable.

Por poñer un exemplo concreto, unha das nosas participadas é Basic & Medical. O que fan é aplicar intelixencia artificial á análise de imaxes médicas e funcionan como unha especie de copiloto para os radiólogos. Cada vez que venden a súa solución a un hospital ou a unha rede sanitaria, están axudando a máis profesionais a diagnosticar determinadas patoloxías de maneira máis rápida e eficiente. Aí existe unha relación directa entre o crecemento do negocio e o impacto na saúde.

Cando unha startup aínda está validando a súa proposta, que evidencias che axudan a confiar en que o impacto que promete comeza a materializarse?

Aquí creo que paga a pena contextualizar a pregunta precisamente pola stage ou fase na que se atopa a compañía. Nestas etapas tan temperás estanse a definir moitas cousas. A visión de negocio aínda non está completamente clara e, moitas veces, tampouco o está a visión de impacto. Como axente investidor, entendo perfectamente este contexto, así que non vou pedirlle a unha persoa emprendedora que o teña todo completamente definido.

Para min, o importante é que exista unha visión ou un mapa lóxico. Hai ferramentas como a teoría do cambio que moitas veces se perciben como algo que piden os investidores por motivos de compliance ou burocracia, pero realmente non se trata diso. O que busca é comprender a causalidade entre as actividades clave da empresa, as súas persoas beneficiarias, a súa clientela e os resultados que quere xerar.

Nestas etapas temperás, abóndame con que teñas unha noción clara da causalidade lóxica entre o que vendes, como o vas vender, a quen te dirixes e como todo iso está relacionado cos resultados sociais ou ambientais que pretendes crear.

Unha startup é “messy”. Todos os días son diferentes, as cousas cambian constantemente e, polo tanto, o modelo de impacto tamén evoluciona. Por iso, unha das cousas que me axuda a validar que vas polo bo camiño é precisamente ter ese mapa lóxico ou esa teoría de impacto, xunto cunha idea sólida de quen é a túa persoa beneficiaria e que problema estás a resolver.

Tamén é importante observar como responde a persoa usuaria ou beneficiaria final. É realmente quen se beneficia da proposta de impacto? Está a producirse algún cambio de comportamento grazas á solución?

E hai unha pregunta que me parece especialmente relevante: que pasaría se a compañía non existise? É o que se coñece como contrafactual. Se a empresa desaparecese mañá, as cousas seguirían exactamente igual ou habería unha diferenza real? Cando podes responder a esa pregunta, comezas a entender se existe unha verdadeira atribución de impacto asociada á actividade principal da empresa.

Ao final, volvo ao punto inicial: estamos a falar de compañías moi novas. Non espero que o teñan completamente resolto, pero se contan con estes elementos principais, como persoa investidora iso dáme confianza. Pode que aínda non teñan todas as respostas, pero vexo que van ben encamiñadas. Ademais, parte do traballo dos fondos e dos axentes investidores de impacto consiste precisamente en acompañar as persoas emprendedoras para axudalas a sistematizar todo este aspecto a medida que a empresa medra, porque o impacto tamén necesita procesos, medición e estrutura para poder xestionalo correctamente.

Hai proxectos que mostran moito potencial financeiro, pero xeran dúbidas na parte de impacto. Que incoherencias detectas con máis frecuencia cando o dobre retorno non está ben construído?

Antes de responder, creo que paga a pena aclarar desde que punto de vista estou a avaliar a startup. Non é o mesmo analizar unha compañía que naceu cunha vocación de impacto moi clara desde o principio que unha empresa máis xeneralista que opera nun sector con efectos positivos.

Por exemplo, unha empresa que desenvolve sistemas de automatización para hospitais pode contribuír indirectamente a mellorar a eficiencia do sistema sanitario, pero iso non significa automaticamente que sexa unha compañía de impacto. O feito de estar no sector da saúde non converte unha empresa nunha empresa de impacto.

Cando estou a analizar unha compañía que si se presenta como unha startup de impacto desde o minuto cero, unha das primeiras preguntas que me fago é: se elimino o impacto da ecuación, o plan de negocio seguiría funcionando exactamente igual? Se a resposta é si, se as vendas e o crecemento non cambian aínda que desapareza a proposta de impacto, entón hai algo que conceptualmente non está ben construído. Nese caso estariamos a falar máis dun negocio convencional con externalidades positivas que dunha verdadeira empresa de impacto.

Outra incoherencia frecuente aparece cando só se poñen en valor os beneficios da solución, pero se ignoran posibles externalidades negativas ou efectos rebote.

Seguindo co exemplo sanitario, unha empresa de intelixencia artificial aplicada ao diagnóstico médico pode axudar a detectar enfermidades de maneira máis temperá e eficiente, pero tamén cómpre analizar cuestións como os falsos positivos, os falsos negativos ou posibles recomendacións incorrectas que poidan afectar á toma de decisións clínicas. Se non se teñen en conta estes riscos, a visión do impacto está incompleta.

Ao final, o importante é entender ben a relación entre negocio e impacto e comprobar que ambos avanzan na mesma dirección.

Un exemplo de dobre retorno ben construído sería unha empresa que axuda grandes compañías industriais a reducir o seu consumo enerxético e cuxo modelo de negocio consiste en cobrar unha comisión sobre o aforro xerado. Canta máis enerxía consegue aforrar o cliente, máis cartos aforra a empresa cliente e máis factura a startup. Aí existe unha relación moi clara entre crecemento do negocio, escalabilidade e impacto.

Pola contra, unha startup que vende software para elaborar informes de sustentabilidade non pode asumir que xera máis impacto simplemente porque aumenta o número de clientes. Ter máis clientela non implica necesariamente unha redución das emisións nin unha mellora tanxible nos resultados sociais ou ambientais. Nese caso, o crecemento comercial e o impacto non están necesariamente conectados.

Na túa experiencia, que erros adoitan cometer as startups cando intentan medir e demostrar o seu impacto? Que deberían facer de maneira diferente desde as primeiras etapas?

Creo que aquí o concepto da intencionalidade é vital. Se a túa visión como persoa emprendedora e como equipo fundador é construír unha compañía rendible que, ademais, xere impacto social ou ambiental, independentemente do sector, hai certas cousas que inevitablemente tes que ter presentes desde o minuto cero.

Por exemplo, un tema clave é a capacidade de medir o impacto. Non podes afirmar que estás a xerar determinado impacto se non contas cun sistema, idealmente apoiado na tecnoloxía e coa menor fricción posible, que che permita medir como avanzas cara a eses obxectivos. Tanto se falamos de redución de emisións, creación de emprego, acceso á saúde ou calquera outro ámbito, ten que ser medible.

Despois está a conversa sobre como medir e ata que punto facelo. Hai persoas fundadoras que pecan de intentar medilo absolutamente todo e acaban xestionando ducias de indicadores. Se todo importa, ao final nada importa. E tamén ocorre o contrario: equipos que apenas miden nada e quedan curtos. Creo que o reto está en atopar o equilibrio.

Outro aspecto importante é entender que unha boa historia fundacional ou unha motivación persoal moi forte non son suficientes. Está moi ben que exista unha razón de ser detrás do proxecto, pero unha compañía segue sendo unha compañía. Se non, podería ser unha fundación, unha ONG ou calquera outro tipo de organización, que tamén cumpren unha función moi valiosa.

Se decides construír unha empresa, especialmente unha empresa de impacto, tes que ter moi presente o retorno do investimento. Ao final, os teus clientes non te van contratar simplemente porque contribúas a facer do mundo un lugar mellor. Contratarante porque demostras que lles axudas a reducir custos, xerar ingresos ou resolver un problema relevante de maneira eficiente.

Tamén é importante entender que a xestión do impacto evoluciona coa empresa. Unha compañía de dous ou tres anos non ten os mesmos retos que unha organización máis madura. O enfoque de medición, seguimento e xestión do impacto cambia co tempo.

A medida que as empresas medran, aparecen debates máis complexos. Un deles é o que se coñece como mission drift: ata que punto priorizas o crecemento do negocio fronte á xeración de impacto. Son conversas que adoitan xurdir en etapas máis avanzadas e que requiren unha reflexión constante.

Por iso, se tivese que resumilo, diría que desde as primeiras etapas hai que prestar atención a catro elementos clave: a medición, a escalabilidade, a intencionalidade e a capacidade de adaptar o modelo de impacto a medida que a compañía evoluciona. Son cuestións que as persoas fundadoras deben ter presentes e que os axentes investidores tamén analizamos con moita atención.

Durante o último ano, que tendencias estás a observar no ámbito do investimento de impacto?

Creo que paga a pena comezar contextualizando. O investimento de impacto forma parte dun mercado moito máis amplo e está conectado co que acontece no venture capital, no private equity, nos mercados públicos ou mesmo con dinámicas globais que veñen dos Estados Unidos ou doutros ecosistemas. Por iso, antes de falar unicamente de investimento de impacto, hai que entender o contexto xeral.

E nese contexto hai unha tendencia que está por riba de todas as demais: a intelixencia artificial. Está a impregnar todos os sectores, incluído o ecosistema de impacto. Creo que estamos a ver como a IA está a reescribir moitas das regras do xogo, tanto a nivel de modelos de negocio como de creación de valor.

Un exemplo é o modelo SaaS. Hai quen di que está morto e hai quen pensa que simplemente se está a reinventar. Eu estou máis neste segundo grupo. Creo que a intelixencia artificial está a ampliar as posibilidades de modelos como este e está a cambiar a maneira na que as empresas xeran ingresos e ofrecen valor aos seus clientes.

Cada vez se fala máis de modelos nos que non se paga unicamente polo acceso a unha plataforma ou por unha subscrición, senón polos resultados obtidos. Mesmo nalgúns dos principais fondos internacionais se formula que a próxima gran compañía tecnolóxica podería ser unha empresa de servizos presentada como software, na que o que realmente se remunera son os resultados que xera.

Por iso creo que a intelixencia artificial é unha tendencia fundamental. Todos estamos a intentar entender que dimensión ten realmente e ata que punto transformará a economía. Tamén está a xerar incerteza, porque obriga as persoas emprendedoras, os axentes investidores e outros axentes do ecosistema a adaptarse rapidamente.

Ademais, a IA está a provocar que moitas startups teñan que reformular a súa proposta de valor. Se unha compañía se limita a desenvolver unha funcionalidade concreta e unha gran plataforma incorpora esa mesma capacidade de forma nativa, corre o risco de quedar fóra do mercado. Isto obriga a ser moi rápidos, tanto como persoas fundadoras como desde o lado investidor.

Máis alá da intelixencia artificial, tamén estamos a ver como factores como a xeopolítica están a influír nas prioridades de investimento. Hai sectores que se están a converter en estratéxicos para a seguinte fase da economía global, como a enerxía, os centros de datos e todas as tecnoloxías que permiten facer funcionar esa infraestrutura.

Neste sentido, vemos interese en ámbitos como a eficiencia enerxética, as tecnoloxías de refrixeración (cooling) e, en xeral, todas aquelas solucións que actúan como pezas fundamentais da nova economía dixital.

Tamén xeran moito interese as tecnoloxías cunha gran capacidade de aplicación en distintos sectores. É dicir, aquelas solucións que ofrecen diferentes casos de uso e que, polo tanto, teñen acceso a mercados máis amplos e a máis opcións de crecemento.

En resumo, a intelixencia artificial é probablemente o gran tema que está a redefinir o mercado, pero tamén estamos a ver unha forte atracción de capital cara a sectores estratéxicos relacionados coa infraestrutura tecnolóxica, a enerxía e as solucións capaces de xerar valor en múltiples contextos.

As administracións públicas están a impulsar cada vez máis iniciativas relacionadas coa sustentabilidade, a innovación e o impacto. Que papel deberían desempeñar?

Antes de entrar na pregunta, hai que facer un pequeno zoom out e entender que España forma parte dun mercado europeo, que á súa vez está conectado cun mercado global. O financiamento público non existe de forma illada, senón que está relacionado con todo o que acontece neses ecosistemas.

Dito isto, creo que hai unha cuestión de mentalidade e de entender cal é o papel que debe desempeñar a administración pública. Na miña opinión, as administracións teñen a capacidade de ser algo máis que simples financiadoras. Ás veces existe a percepción de que a súa función consiste unicamente en achegar recursos económicos, pero creo que o verdadeiro valor engadido vai moito máis alá.

Para min, o reto é pasar de ser financiadoras a ser market builders. É dicir, non só achegar cartos, senón contribuír a construír o mercado. Iso implica crear infraestrutura, xerar cohesión entre os distintos actores, facilitar a colaboración co sector privado e desenvolver mecanismos que permitan que o ecosistema funcione de maneira máis eficiente.

Tamén é importante entender que o sector público e o sector privado teñen fortalezas diferentes. Non se trata de comparalos, senón de identificar que pode achegar cada un. No caso da administración pública, unha das súas maiores fortalezas é precisamente a súa capacidade para crear as bases sobre as que despois se poidan desenvolver os mercados.

En canto ao capital público, creo que o seu impacto é especialmente relevante cando serve para asumir riscos que o capital privado non pode ou non quere asumir. Falamos de instrumentos como garantías, mecanismos de first loss, coinvestimentos ou programas que permitan impulsar fondos especializados.

Non se trata de substituír o axente investidor privado nin de replicar a súa función, senón de complementalo estratexicamente. De feito, unha das grandes vantaxes do capital público é o seu efecto multiplicador. Cando se emprega ben, pode mobilizar unha cantidade de investimento privado moi superior e xerar un impacto moito máis amplo na economía real. 

Por iso creo que o debate non debería centrarse unicamente en canto diñeiro se destina ao ecosistema, senón en como se utiliza. O importante é construír unha infraestrutura de mercado sólida, eficiente e sostible que permita que os recursos xeren un efecto duradeiro.

Ao final, todo comeza por entender ben cal é o papel que pode desempeñar a administración pública, identificar os recursos cos que conta e poñelos ao servizo do ecosistema dunha maneira estratéxica. Máis que pensar unicamente nos fondos que se mobilizan, hai que pensar en como crear un sistema que fortaleza o mercado, xere continuidade e evite que os recursos se perdan sen producir un efecto real a longo prazo.

Que diferenzas observas entre España e outros ecosistemas máis desenvolvidos no investimento de impacto?

Creo que hai varias diferenzas e que paga a pena analizar a cuestión por partes para non caer en xeneralizacións. Cando falamos de ecosistemas de investimento de impacto, estamos a falar de moitos actores diferentes: sector público, oferta de capital, demanda de capital e intermediarios. Cada un desempeña un papel distinto.

Se comezamos pola administración pública, creo que unha das diferenzas máis relevantes con ecosistemas máis desenvolvidos é o grao de apoio sistémico que existe. Non necesariamente se trata de máis recursos, senón dunha forma diferente de utilizalos. Hai países onde existe unha maior colaboración público-privada, máis innovación nos instrumentos financeiros e unha visión máis estruturada de como fortalecer o ecosistema.

Penso, por exemplo, no Reino Unido. Non estou dicindo que sexa un modelo perfecto, pero si que existiu unha mentalidade máis pioneira en determinados ámbitos. Alí vimos a participación de bancos, fondos de pensións ou aseguradoras en iniciativas vinculadas ao impacto, así como instrumentos innovadores como os Social Impact Bonds, nos que o axente investidor recibe unha rendibilidade ligada ao cumprimento de determinados obxectivos de impacto. Son exemplos de colaboración público-privada que axudan a construír unha infraestrutura de mercado máis sólida.

Nese sentido, creo que a implicación da administración pública é un dos factores que máis inflúe na solidez dun ecosistema. Cando existe unha visión sistémica e a longo prazo, os resultados adoitan ser mellores.

Se miramos o lado da demanda de capital, é dicir, startups, scaleups e compañías que buscan financiamento, tamén observo algunhas diferenzas relacionadas coa mentalidade. En España temos persoas emprendedoras moi boas, pero ás veces boto en falta unha maior ambición global desde o minuto cero. Pensar en grande desde o inicio, construír compañías internacionais e ter a sensación de urxencia de que hai que competir a nivel global.

Non creo que sexa un fenómeno exclusivamente español; é algo que tamén acontece en parte de Europa. Mentres tanto, noutros ecosistemas existe unha maior tendencia a pensar desde o primeiro día en mercados globais e na escalabilidade internacional.

Dito isto, tamén creo que en España hai moitísimas cousas positivas. Temos talento, temos boas persoas emprendedoras e cada vez hai máis profesionais moi preparados traballando neste ámbito. Ademais, contamos cunha posición que ofrece oportunidades interesantes e debemos ser capaces de xogar as nosas propias cartas como ecosistema. Como digo, trátase de ver onde estamos, ver que nos falta e avanzar nesa dirección.

En canto ás boas prácticas, creo que hai varios exemplos que paga a pena observar. Desde fondos de pensións con mandatos específicos de impacto ata bancos por xunto que impulsan este tipo de iniciativas ou esquemas nos que o sector público absorbe parte do risco para mobilizar investimento privado.

Tamén vexo moito potencial no papel das fundacións e nos modelos de colaboración entre distintos actores do ecosistema. Son dinámicas que xa están a gañar forza en España e que me xeran bastante optimismo.

En definitiva, creo que hai marxe para seguir fortalecendo o ecosistema, pero tamén vexo moitas persoas moi capacitadas e comprometidas que teñen a capacidade de levalo ao seguinte nivel nos próximos anos.

Que tería que acontecer para que o investimento de impacto deixase de considerarse un segmento especializado?

É unha pregunta complexa, pero creo que, en gran medida, a resposta se resume nunha palabra: resultados.

Necesitamos máis casos de éxito, máis retornos demostrados e máis exemplos que proben que o impacto é algo serio e que tamén pode xerar rendibilidade. Cómpre que existan saídas, retornos e traxectorias de éxito que permitan demostrar que este tipo de investimento funciona e que pode competir con calquera outra estratexia de investimento.

Cando comezan a acumularse eses casos de éxito, xérase un efecto bóla de neve. Chega máis capital, aparecen máis intermediarios, máis fondos especializados e o ecosistema comeza a medrar por si mesmo. Así é como se consolidan os mercados que nalgún momento foron novos.

Tamén creo que evolucionamos moito na maneira de entender o impacto. Xa non abonda con dicir que unha empresa está aliñada con determinados ODS ou que traballa nun ámbito social ou ambiental. O importante é demostrar que existe un retorno claro para a clientela, que a solución xera valor económico e que, ao mesmo tempo, produce resultados sociais ou ambientais medibles.

Ademais, cada vez é máis evidente que o impacto non é un elemento adicional ou accesorio. Está relacionado con algúns dos grandes desafíos económicos e estratéxicos do noso tempo: a enerxía, os datos, a soberanía tecnolóxica, a resiliencia das cadeas de valor e moitos outros temas que forman parte da economía actual.

Outro aspecto fundamental é o talento. Ao final, calquera ecosistema depende das persoas. Para atraer máis talento fan falta incentivos económicos, profesionais, sociais e culturais. Hai que demostrar que unha organización orientada ao impacto pode competir polo talento, ofrecer oportunidades atractivas e desenvolver carreiras profesionais de primeiro nivel.

E, por suposto, todo isto comeza polas persoas fundadoras. Eu sempre digo que as persoas emprendedoras son os heroes e as heroínas deste ecosistema. Se as sacamos da ecuación, non queda nada. Son quen converten unha idea nun produto, quen constrúen unha empresa, desenvolven tecnoloxía e a escalan.

Tamén creo que debemos falar con normalidade da rendibilidade. Isto vai de xerar impacto, pero tamén de xerar negocio. Hai que demostrar que é posible construír compañías sólidas mentres se contribúe a resolver problemas relacionados coa saúde, a educación, o acceso á auga, a sustentabilidade ou calquera outro gran reto social ou ambiental.

E quizais o máis importante sexa lembrar que detrás de todas estas métricas, investimentos e follas de cálculo hai persoas. Unha das cousas máis gratificantes é poder falar cos beneficiarios finais das empresas nas que investes e comprobar que o impacto non queda nun informe ou nun indicador, senón que realmente contribúe a mellorar vidas, fortalecer comunidades e coidar os ecosistemas dos que dependemos.

Por iso creo que o futuro do investimento de impacto pasa por demostrar, cada vez con máis evidencias, que rendibilidade e impacto non son obxectivos incompatibles, senón dous elementos que poden reforzarse mutuamente.

Queres publicar contido novo na Plataforma ONE?

Escríbenos!